A Real Academia Galega saúda o ano de Roberto Vidal Bolaño abrindo na súa web unha seccióndedicada ao dramaturgo homenaxeado polo Día das Letras Galegas de 2013. Dita sección contén un completo texto biográfico asinado por Antón Dobao, unha selección de títulos representativos da obra de RVB e ligazóns ao Caderno Pedagóxico sobre As Actas Escuras, no Centro Dramático Galego; a un fragmento da representación de A burla do galo, na Biblioteca Virtual Galega; e ao texto “Perspectivas do teatro galego actual”, en Alonso Girgado, L. (coord.), recollido dentro das Actas I Xornadas das Letras Galegas, Santiago de Compostela; e á páxina web do Seminario Galán, que fornece recursos sobre RVB para o alumnado e o profesorado de ensino primario.
De especial interese, dentro dos recursos compilados pola RAG é esta entrevista a Roberto Vidal Bolaño incluída na revista Mapoula do curso 97-98, elaborada por alumnos do Instituto de Ensino Secundario Adormideras, da Coruña.
Ademáis, a web da RAG ven publicando dende finais de 2012 as respostas ao Cuestionario Roberto Vidal Bolaño de representantes do mundo da cultura galega:
- A profesora Laura Tato Fontaíña fala das características da obra de Roberto Vidal Bolaño, da súa importancia na constitución do teatro galego moderno e da súa vixencia no contexto actual
- O dramaturgo e director de escena Alfonso Becerra fala da “teoría política a favor dos desfavorecidos e dos perdedores, a favor da emancipación da cultura e da lingua galegas” presente na obra de RVB
- A actriz Mónica Camaño salienta a “vixencia intacta no contexto actual” dos conflictos que agroman da obra de RVB, que “rebordan da análise do seu vivir ao pé da rúa, da súa forma de estar no mundo en rebelión constante”
- O actor, director, tradutor e monologuista Avelino González salienta o carácter “popular, contemporáneo e universal” do teatro de RVB
- A profesora de literatura galega da USC e crítica literaria Dolores Vilavedra defende a vixencia do teatro de RVB, que na súa opinión nos deixou “obras inspiradoras para todas as situacións históricas, todos os públicos e todas as necesidades profesionais”
- O xefe de estudos da Escola Superio de Arte Dramático de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, asegura: “A reteatralización, a mestura de técnicas interpretativas, a lectura de mitos propios e universais dende ópticas da preocupación sociopolítica do momento, o distanciamento que se consegue coa evidencia, mediante distintos recursos escénicos, da ficcionalidade, alén do carácter imperecedoiro das temáticas, amósannos un Vidal Bolaño como creador escénico do seu tempo, co seu tempo e tamén, coma os grandes artistas, para todos os tempos”
- A actriz Antela Cid salienta da obra de RVB que “esperpento e realidade non lle impiden ofrecer unha visión moi crítica sobre a nosa sociedade”
- O escritor Francisco Xosé Fernández Naval afirma que “Nun momento como o actual, de crise e precariedade extrema, en particular no mundo da cultura, pero tamén nos alicerces do estado do benestar, a obra de Roberto, que sempre explorou os límites, axuda a reflexionar e a procurar espazos de resistencia”.
- A profesora Pilar García Negro destaca a relevancia de RVB na na constitución dun teatro galego moderno, profisional e á altura dos tempos, por varios motivos: a procura do abrazo do teatro con outras artes e procedementos artísticos, como o audiovisual ou a música; a vocación de servir unha escena galega “completa”, que contase coa representación dos clásicos e a descoberta dos contemporáneos; a non separación de oficios teatrais que el proprio practicou, como director, autor, actor e represaliado.
- Manuel Outeiriño, profesor, poeta, ensaísta, tradutor e membro do consello de redacción de A Trabe de Ouro, asegura que “unha característica común ós distintos períodos da obra de Vidal é a de facer da escritura teatral intrumento de crítica”. “A vixencia (da súa obra) débese a que as escenas de Roberto Vidal representan a historia dos que non teñen historia”, afirma.
- A poeta, profesora e teórica da literatura María do Cebreiro Rábade Villar salienta a permanencia da “actitude” e da “concepción do teatro galego como arte integral, ligada á sociedade, á cultura e á vida” de RVB
- O director teatral Xulio Lago ve na obra de RVB “un discurso escénico vital e con enorme capacidade de comunicación cos públicos”
- “Co bo teatro sempre existe a posibilidade de axeitalo a diferentes momentos históricos sen que perda vixencia e mesmo, con oficio e imaxinación, mandalo unha miga máis adiante”, asegura o escritor Paco Martín
Fóra da estrutura pechada do cuestionario, Paco Macías, editor das obras completas de Vidal Bolaño en Edicións Positivas, comenta nesta entrevista algúns aspectos da edición e sitúa a RVB como “o gran dramaturgo da historia do teatro galego, e como un dos grandes escritores da literatura galega”. Máis de actualidade que nunca: “Despois de anos de silencio é agora cando por fin se recollen as redes que el lanzara no mar rosaliano”.