O escritor e xornalista Camilo Franco presentou onte en Compostela Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, primeiro dos ensaios que analizarán a figura do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2013. A obra diríxese, por unha banda, aos estudantes de bacharelato ou primeiros cursos universitarios e, por outra, ao profesorado e a lectores comúns que queiran ter unha achega xeral pero detallada das principais obras do autor. Acompañouno o editor da obra, Tucho Calvo.
Camilo Franco traza en Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño un percorrido pola obra e a vida do dramaturgo tendo como referencia as súas dez obras principais desde os seus comezos, a finais dos setenta. Despois dun prólogo no que se debuxan os principais trazos vitais de RVB, vaise debullando cronoloxicamente a súa obra, entrelazando en cadanseu capítulo o carácter de cada obra coas circunstancias de escrita e de produción e co tempo na vida do escritor no que foi creada.
Dúas das constantes de Vidal Bolaño que se observan no ensaio de Camilo Franco son a busca de públicos e a necesidade de facer un teatro que se considerase galego, ben tomando como referencia as tradicións parateatrais galegas, ben buscando argumentos e enfoques que puidesen servir para armar un teatro galego destinado a entender mellor o país, a explicar os seus conflitos e a súas particularidades, pero destinado, ao mesmo tempo, á maioría dos espectadores. “O teatro de Roberto Vidal Bolaño comezou traballando moito cos signos dun país que estaba por facer para xirar, nos oitenta”, segundo explica Camilo Franco “cara a un teatro máis natural ou realista sobre a realidade galega do momento, ben desde os discursos históricos, ben desde paradoxos que alimentaban as comedias”. “Foi un teatro cunha gran visión irónica da vida e da realidade”, conclúe.
Franco recorda tamén que a actividade literaria e escénica de RVB estivo moi ligada ás posibilidades e ás necesidades da práctica escénica. “O autor entendeu moi ben que a escrita definitiva do teatro faise no escenario e que, cando hai que tomar decisións, debe mandar o director”, asegura. Non descoidou a escrita, pero a súa prioridade foi a representación. Como director foi un contador de historias, dáballe moita importancia ao traballo dos actores pero a súa intención era sempre narrativa. Como actor ten dúas facetas fundamentais: por unha parte, aquelas obras nas que traballou con outros actores, cunha presenza física potente e unha preocupación grande polo xeito de dicir. Na outra faceta, case sempre en monólogos, adoptou o papel de pallaso, de bufón disposto a dicir con humor o que noutras partes se calaba.
Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño está editada por Biblos Clube de Lectores e ten un prezo de 16 euros.