Representantes dos distintos gremios da cultura arrouparon a presentación da Asociación Roberto Vidal Bolaño no Teatro Principal de Compostela. Despois dunha primeira etapa de “posta en marcha” baixo as ordes de Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco, o colectivo abre agora as portas da Asociación a todas aquelas persoas que queiran participar na difusión da figura e da obra do dramaturgo compostelán, ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. O prezo “simbólico” da suscrición é de 12 euros ao ano e o formulario para realizala está dispoñible aquí: doc e pdf.
Acompañan a Asociación nesta segunda fase Antonio Durán “Morris”, en representación do colectivo actoral; Jorge Rei, en representación dos titiriteiros; Antón Dobao, en representación do audiovisual; Luis Rei e Luciano Fernández, en representación do colectivo Land Rober de programadores culturais; Roberto Pascual, xefe de estudos da Escola Superio de Arte Dramático de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; Manuel Guede, director do CDG; Laura Ponte, de Teatro Antroido; e un representante da Federación Galega de Teatro Amateur (Fegatea). Todos eles interviron no acto de presentación que terá lugar esta tarde no Teatro Principal, onde tamén se nomeou Presidente de Honra da Asociación ao estudoso do teatro e da obra de Roberto Vidal Bolaño Manuel Quintáns Suárez, cuxo discurso está dispoñible para a descarga aquí: pdf.
#RVB 2013
Baixo a denominación de #RVB2013, a Asociación proponse impulsar un completo programa de actividades para a difusión da figura e da obra de Roberto Vidal Bolaño, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2013. Esta tarde avanzarán algunha das propostas que están xa en marcha.
O teatro será protagonista fundamental, cun Festival de Teatro Afeccionado no que está previsto que participe a SGAE; a montaxe de Doentes polas rúas de Compostela; e varias montaxes teatrais, entre as que destacan tres coproducións do Centro Dramático Galego: Touporroutou da lúa e do sol; Bailadelas, con Teatro Antroido e Criaturas, con Teatro do Aquí.
Tamén estará moi presente o audiovisual, coa proxección de Doentes ,de Gustavo Balza, en centros escolares e de cultura de toda Galicia; o Vidal Bolaño Recuperado organizado polo Centro Dramátigo Galego no Salón Teatro de Compostela e que comeza esta mesma semana; e con ciclos específicos no Festivais de Cine e Teatro.
Haberá unha exposición itinerante, en colaboración coa SXPL, e farase un enorme esforzo por compilar e catalogar toda a documentación existente. Finalmente, Edicións Positivas publicará ao longo do ano as Obras Completas do dramaturgo, cuxo primeiro volume está xa nas librerías.
Tamén se leu o manifesto fundacional da asociación, que podedes descargar aquí: pdf.