Cochos

Ficha técnica

1987, Uvegá Teatro
Autoría: Roberto Vidal Bolaño
Dirección: Vicente Montoto
Reparto: Quico Cadaval, Susana Dans, Xavier Lourido, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Cándido Pazó, Rodrigo Roel, Diego Varela e Marisa Soto.
Voces: Un grupo de estudiantes alemáns que andaban por Santiago (Christian Angermann, Xulia Bluhme e Hartmut Martsch) puxeron a voz da policía, da autoridade, da radio que escoitaba Sebas anunciando as mellores salchichas do mundo. Ana Cermeño e Pemón Bouzas puxeron a voz da Pirenaica. Antonio Mesa, Xesús Redondo Abuín e Joam Trillo eran os compañeiros do Sebas. Xosé Manuel Beiras e Miguel Cancio fixeron de si mesmos.
A cochiña chamábase Rosiña

Sinopse

Cochos conta a peripecia dun campesiño metido a albanel, emigrante a Frankfurt, Alemania, que descubre a imposibilidade de integrarse nunha sociedade que o emprega temporalmente, obrigándoo a volver á súa aldea ata o seguinte verán, pero que tampouco lle permite levar algo do seu, un porquiño de cría. A presión policial, consular, eclesiástica, mediática e familiar sobre o cortello no que é aloxado pola empresa constructora non ten máis saída que a tráxica cerimonia da matanza.

Mentres, en París os estudiantes e os traballadores poñen en xaque uns xeitos de facer política e de entender a vida caducos; en Praga o imperio soviético esmaga o movemento por un socialismo de rostro humano; a guerra de Vietnam que remataría anos máis tarde coa derrota dos EE.UU. xa leva dez anos, ou os Beatles provocan as iras da sociedade ben pensante polas súas greñas e as súas cancións, Sebas, o emigrante galego en Frankfurt e o seu cocho resultan un desafío insoportable prá renacente Alemania bendicida cos dólares do imperio USA.