DRAMA,  INFANTIL,  TEATRO ANTROIDO

Criaturas

Ficha técnica

1999, Teatro do Aquí
Autoría, dirección e iluminación: Roberto Vidal Bolaño.
Elenco: Rubén Ruibal, Roberto Vidal Bolaño/ Vicente de Souza, Belén Constenla, Miguel Varela.
Axudante de dirección: Carlos Losada
Vestiario: Gonzalo Vilas
Deseño de escenografía e atrezzo: Júlia Brens
Realización da escenografía e do atrezzo: Rodrigo Roel
Cobertura técnica: Kachet
Deseño gráfico: Fausto C. Isorna
Produción e distribución: Belén Quintáns

Premios
1999. Premio Eixo Atlántico.
2000. Premios María Casares. Mellor texto orixinal.
2000. Premio Max ao mellor texto orixinal en galego.

Sinopse

Unha vez máis, Roberto Vidal Bolaño busca nos mitos o mellor dos referentes, convencido de que neles reside case todo o que importa. Criaturas pon ao descuberto, xa dentro do mesmo título, cales son eses referentes dos que parte, cal o mito no que busca as súas orixes e cal o marco no que inscribe a súa busca. O mito non é outro que o de Prometeo, o primeiro creador de vida artificial. O xénero dende o que o fai é o do terror e as canles farturentas das que bebe, o Frankenstein de Mary Shelley e o maxistral díptico que arredor del realizou nos anos trinta para a Universal James Whale.

O que pretendiamos non era outra cousa que indagar e ver de poñer ao descuberto o que a razón ou a civilización podían ter producido de mostroso en nós ou nos que nos rodean. Neses personaxes anónimos, cotiáns, cos que nos cruzamos cada día no paso de peatóns, á volta da esquina, ou na cola do super ou do cine e cos que nos relacionamos con toda naturalidade. Con esa mesma naturalidade coa que aceptamos, ou mesmo consumimos, polos sen plumas, ovos sen colesterol, melón sen pepiñas ou híbridos de peladiña con boa presentación e sabor a todo e a nada.

Os perfís das mási desas “criaturas”, como non podía ser doutro xeito, viñéronnos suxeridos pola observación da propia realidade, pola lectura das crónicas de sucesos, o seguimento dos noticiarios de radio ou de televisión, ou a nosa propia convivencia con eles. E o pretexto para os botar andar e ver de poñer ao descuberto o que de medorento puidese haber tras da súa aparente normalidade, da relación que establecen coa criatura creada polo doutor Frankenstein, cando esta, pouco antes de se illar definitivamente da civilización e perderse nas inmensidades polares se achega ao noso presente par ao observar por derradeira vez.

Unha viaxe así, por suposto, non estaría ao noso alcance nin foi esa a nosa pretensión, dende a trascendencia ou o rigor filosófico, senón dende o humor, a ironía ou o sarcasmo. E dende aí e dende onde o tentamos facer, reinterpretando a realidade e a nosa relación con ela na dirección descrita e vendo de traducir o intuído a feitos literarios e escénicos concretos dende unha poética teatral que se quere e se sabe quen de ser propia.

Edicións Literarias

2013. Edicións Positivas. Obras Completas. Volume I
1999. Edición do Eixo Atlántico.

Outras Montaxes

2013, Teatro do Aquí

Spread the love

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *