DRAMA,  NO CENTRO DRAMáTICO GALEGO,  TEATRO ANTROIDO

O desengano do prioiro

Ficha técnica

1995, Teatro do Aquí
Autor: Ramón Otero Pedrayo
Dirección e iluminación: Roberto Vidal Bolaño
Elenco: Xaquín García Marcos, Roberto Vidal Bolaño, Xoán Carlos Mejuto, Ursia Gago, Anabell Gago, Rubén Ruibal, María López, César Martínez
Espacio escénico e vestiario: Júlia Brens
Realización do vestiario: Carmen Domínguez
Deseño gráfico: Fausto C. Isorna
Fotografía: Xenaro Martínez
Produción executiva: Belén Quintáns
Asesoría xurídica e administración: Planing
Cobertura técnica: Kachet

Sinopse

Para Manuel María, que redactou o texto do programa de man de O desengano do priorio, as obras-cume do noso teatro son O Mariscal de Cabanillas e Vilar Ponte e O desengano do priorio de Otero Pedrayo. Neste texto, Manuel María di o seguinte:

O título completo é: O desengano do Priorio ou o pasamento da alegría, co grande auto epilogal e xusticeiro dos féretros de floravia. Dúas obras moi desemellantes entre sí pero complementarias e enraizadas na nosa tradición, pezas que curiosamente nunca foron representadas na súa integridade.

O teatro de Otero Pedrayo é unha maravilla. Témoslle unha querencia especialísima a O desengano. Aínda inédita, asistimos a unha lectura feita polo seu autor para un reducido número de amigos. O impacto que nos causou aínda perdura en nós. O dramaturgo, neste caso, parte dun feito moi simple: Floravia-Ribadavia, a flor do Avia: ¿mimosa, cecais camelia, tal vez rosa ou magnolio? capital dos nosos viños, convértese ou intentan reconverterla non só na capital da feretreira galega senón da mundial. Otero Pedrayo, como calqueira galego consecuente, rebélase contra semellante aberración. De consumarse tal falcatruada, a capital do viño que é a vida, a esperanza, a beleza e a alegría, a razón de vivir, pasará a ser, por obra e gracia dunhos traicantes paifocos sen escrúpulos, famentos de diñeiro, a metrópoli da morte e do non ser. Todo o Ribeiro nas maus dos feretristas convértese nunha desolación, comezando polos piñeiros – materia prima na fabricación de cadaleitos- e rematando polo telegrafista que toleou a forza de espedir pedidos de féretros, pequenas barcas de Caronte. Especialmente patético resulta o oficio fúnebre dos piñeiros, ó xeito do Dies irae preconciliar.

Escenas demostrativas de como os feretristas intentan o trust mundial do cadaleito, baixo a sigla de OMEIGA, é dicer: Organización Internacional da Morte e o Enterro e Cadaleito Absolutos, poñen os cabelos de pé. Un dos socios de tan fúnebre empresa toma a palabra e di: «Propoño FIAMBRE, igoal a Federación Iberoamericana Mortuoria Benéfica RRequiem Eternam… ». E logo o hino desta macabra sociedade mercantil que lle temos escoitado cantar ó propio don Ramón Otero Pedrayo, poñendo voz de baixo:

Calou o médico, calou o crego,
¿Quen pensa en ti? Somentes nós
Os feretristas, cadaleitistas,
Grei de Caronte, todos os bos…
As carantoñans, as agunías,
Sexan en adiante ledo surrir
Q}te a noble arte da Feretraría
Pensa e traballa por teu porvir.

Tremendo. Frades, A Pinga, O quinqué, Don Carcía -rei símbolo do noso infortunio colectivo-, pantasmas pasan pola grua nunha procesión alucinante. O mítico e cruel Pedro Madruga desta vez é o vengador do Ribeiro, o libertador desa fermosa terra, o paladín da beleza. E remata queimando tódolos féretros e poñendo en fuga ós macabros feretristas.

Esta obra oteriana, ademais do seu extraordinario valor literario, ten unhos valores plásticos e teatrais de primeiro orde. Toda ela é unha pura suxerencia cunhas posibilidades enormes de interpretacións. A variedade de persoaxes, os distintos tempos e espacios, a mestura da prosa e do verso, e sobor de todo, o alento épico-irónico esteado nunha rica e desbordada fantasía, da – valga a palabriña- un producto xenial, retrato fiel e verdadeiro -polo tanto esacto- do sentire do vivir galegos.

Gracias Otero Pedrayo, e cecais ó espíritu de Pedro Madruga por el evocado, Floravía deixou de ser a cabeza do emporio do féretro e recobrou, con renovada forza, a capitalidade dos viños do Ribeiro, sangue, forza e alegría de Galicia. Feito que nos alegra e nos conforta. Non todo van ser derrotas.

Spread the love

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *