Ficha técnica
2001, Teatro do Aquí
Versión e dirección de Roberto Vidal Bolaño
Elenco: Mónica Camaño, Xavier Camba, Roberto Vidal Bolaño
Espacio escénico e vestiario: Júlia Brens
Música: Xavier Camba, Popular
Deseño gráfico: Fausto
Cobertura técnica: Kachet Loxística Espectacular
Produción e distribución: Belén Quintáns
Axudante de dirección: Rubén Ruibal
Sinopse
Os Papalagui é o nome co que os samoanos denominan ao home branco ou ao home que as divinidades polinesias anunciaron que chegaría do ceo para os salvar e facer grandes. Baixo ese epígrafe agrúpanse un feixe de reflexións verbo da civilización occidental orixinariamente escritas en lingua nativa e cuxa autoría élle atribuída a Tuiavii, xefe da tribo samoana de Tiavea.
Nelas, o xefe Tuiavii somete a nosa cultura a unha visión crítica demoledora e chega de ironía, póndonos diante das nosas propias contradicións e reducindo ao absurdo moitos dos supostos valores nos que se asenta. Chegando mesmo a poñer en cuestión que aquelo ao que temeraria e soberbiamente chamamos progreso non teña sido senón un xeito como outro calquera de retroceso, de viaxe cara atrás a nos distanciar máis e máis cada día da pescuda do que verdadeiramente importa.
Nada escapa á aguda e sorprendida mirada do xefe Tuiavii: o noso vestiario e o noso calzado e as funcións que un e outro cumpren, ademáis de a respecto da friaxe ou da clor, en canto a gardadores da moral ou signos externos de poder e de clase. A vivenda e os núcleos de poboación: aldeas, vilas, cidades, non como lugares para a convivencia e a relación, senón para o almacenamento. O diñeiro, a súa necesidade, e o tipo de vida e de relacións que a súa obtención causa entre nós. A necesidade de posuir cousas como signo de benestar e de status, sexan ou non precisas, cumpran ou non algunha función. A organización da nosa vida arredor do tempo e a absoluta dependencia á que nos leva. As máquinas e a industrialización, etc.
Pero o que fai destes discursos un material peculiar e excepcional é, ademais do fino e requintado humor que os preside, o feito de que non foron escritos e emitidos para defender ou impoñerlle os valores da cultura propia a ninguén, senón para defenderse das imposicións dunha cultura allea que, por selo, tíñase a si mesma e era tida por moitos como única e superior.
Edicións Literarias
2013. Edicións Positivas. Obras Completas. Volume V.